A nación contra o baleiro

Nun mundo que muda a unha velocidade vertixinosa, o individualismo vai desprazando á conciencia colectiva, sementando desacougo pero tamén oportunidades para a causa galeguista: fronte á imposición individualista, a liberdade de escoller unha identidade compartida que encha o baleiro existencial moderno. Un tren que Galicia non pode deixar pasar.


Imaxe que ilustra o artigo: pexels (descarga libre)

 

Unha das cousas que máis me chamaba a atención cando era cativo, era ver na televisión milleiros de persoas manifestándose en longas procesións por rueiros ou alamedas, máis calmos ou berrando, mais sempre amosando desconformidade. Non sempre era a esquerda, había un amplo espectro de ideoloxías representadas e, por veces, mesturadas.  Noutrora, a conciencia colectiva revolvíase nos miolos das xentes e abrollaba torrencialmente no individuo para que loitase teimado polo que consideraba inxusto. Non digo que non suceda hoxe, ollo, pero non na mesma magnitude, ou polo menos é a miña percepción. Con todo, meus pais dicían que esas manifestacións non era nada comparado cos comezos da democracia, onde a rúa fervía ateigada día si e día tamén.  É certo que o Estado español viña duns tempos acedos. As esquerdas buscaban eses anceios de liberdade; os constitucionalistas sentían que tiñan un deber moral para que as cousas saísen ben,  moito que tecer e moito que perder; e certa parte da dereita, noutrora privilexiada,  tiña claro que había que frear ese cambio abrupto que viña pisando o acelerador contra os principios fundamentais do extinto réxime.  É normal pois, que a sociedade da época quixese ter voz nos asuntos de Estado.

Que a situación política anterior a eses anos formase tal caldo de cultivo en España, penso que fica corto como xustificación a ese motor que facía bulir as conciencias sociais. A influencia francesa e chinesa das décadas anteriores, xunto coa correspondente situación xeopolítica,  apuntan como culpábeis. Sartre, o maoísmo e a descolonización infundían unha conciencia de clase nos obreiros do país, que viña opada pola situación política nos pobos de Latinoamérica.  O mainstream da época era ter conciencia de clase, e habendo clase obreira a varrer no país, o raro sería que non callase. Entrementres, a tradición católica, cun amplo sentido de comunidade e preocupación transxeracional, e o centro-dereita liberal defendían tamén un cambio colectivo ao seu xeito. E cando un sae a bailar, o resto anímase. Esquerda e dereita na rúa, bailando un valls de compases disonantes, onde a esquerda marcaba o paso maioritariamente.  E hoxe?  Dos 300.000 asistentes na greve xeral contra a reconversión do naval de Vigo en 1984 pasouse aos 10.000 asistentes na folga polo convenio colectivo principal (dato segundo a CIG, probablemente moitos menos). E na dereita?  Do millón de manifestantes (dato dos organizadores sacado da hemeroteca de El País) convocados en Novembro de 1984 contra a LODE, aos escasos 90.000 asistentes contra o Goberno de Pedro Sánchez  pola corrupción e a crise de Ceuta en Setembro de 2026 (fonte RTVE). Semella logo que a miña apreciación sobre o desinterese en asuntos sociais non é meramente subxectiva.  Apunta Antón Baamonde no seu libro Agora non é antes: Ideas para unha revolución tranquila  que estamos despois da era do movemento obreiro e  poida que os valores da Ilustración sucumben. U-la clase obreira? Segundo o CIS, en 2024 só o 9.4% da poboación galega definíase como clase traballadora. Estes datos non fan máis que subscribir o que todos xa sabemos, a clase obreira está morta. A conciencia de clase, tradicionalmente abandeirada pola esquerda, desapareceu. A pregunta de hoxe é se inda hai unha conciencia colectiva, xa sexa de esquerdas ou de dereitas. Aquela fervenza de ideais e soños que facía berrar aos nosos pais e nais nos anos 70, 80 e 90. Castelao escribiu en Sempre en Galiza:  «A loita nobre e leal das ideias é o que asegura o progreso».  A miña tese (e a de moita máis xente) é que o neoliberalismo ven de darlle sepultura á conciencia colectiva.

Non agardo que o instruído lector estea de acordo comigo en que o liberalismo, termo moi vencellado nos medios hoxe en día á dereita non tradicionalista (atribución reducionista), foi necesario para o progreso do Estado español e especialmente para o progreso de Galicia. Mais costaralle ben pouco rexeitar que o neoliberalismo ven de construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e rica, tanto na Galiza como no Estado español. O liberalismo naceu como unha fonte de emancipación fronte ao absolutismo, un xeito de impedir a concentración do poder e da riqueza nun pequeno grupúsculo. De súpeto, érguese a liberdade individual, igualdade perante a lei, deixando ser súbditos para ser cidadáns. A autoridade non se xustifica xa coma herdanza sanguínea ou divina, senón froito da razón, e o individuo posúe dereitos inalienables. Nunha entrevista en Luzes en 2023, Xosé Manuel Beiras afirmaba: “Alienación, outro termo que a esquerda xa non utiliza e que resulta fundamental para entender e explicar moitas cousas”.  Cando non todos posúen os medios para exercer a mesma liberdade, o individuo rematou asumindo como fracasos propios as desigualdades que o condicionan. Será logo moi sinxelo botarlle a culpa do non éxito ao individuo e non a unha estrutura social, creando un argumento para liberar os mercados e os Estados de toda regulación e erosionando así os pilares que permitiron repartir o crecemento da riqueza en Occidente nos últimos tres séculos. Bienvenido Mister Marshall. Un paradoxo entre o crecemento da riqueza colectiva dun país e o deterioro da liberdade e seguridade económica individual. Unha montaña rusa na que pasamos da pobreza á riqueza para voltar á pobreza outra vez. Quen non recorda a Galicia maioritariamente rural e pobre dos anos 80 e 90, para vivir axiña o milagre económico nos 2000 e rematar hoxe vivindo (obxectivamente) moito peor ca xeración dos nosos pais.  Nese refacho que nos levou á situación económica actual, tamén nos alienou paseniño. A culpa por non acadar as metas prometidas pola sociedade capitalista, omniprsentes nos slogans de Mr. Wonderful e nas stories de Instagram, mantén a mente nunha procura constante,  e interesadamente manipulada,  das razóns do noso fracaso, e en como acadar ese éxito prometido dun xeito instantáneo e carente de esforzo. Un proceso frustrante no que o eu pesa moito máis ca o nós. Nun escenario onde os máis sobranceiros están ocupados en aprender como soterrar ese baleiro existencial que lles afoga e os máis parvos non fan máis ca tropezar, unha e outra vez, cunha fochanca virtual hedonista, onde ía sacar esta sociedade tempo para unha conciencia colectiva. No libro A sociedade do cansazo, Byung-Chul Han sostén que o neoliberalismo converte ao individuo no seu propio explotador, auto-esixindo produtividade e superación constante, sendo a liberdade individual unha nova forma de dominación que remata en depresións, frustracións e na perda da conciencia colectiva. 

Os valores ilustrados da Europa dourada xa non se atopan nin nas potencias hexemónicas nin nas emerxentes, nun taboleiro global onde Europa está a pintar cada vez menos. U-la razón? U-lo pensamento crítico? Cara a onde imos? As autocracias e o tecnofeudalismo empurran con forza, sistemas nos que os valores liberais non teñen cabida.  Porén, fronte a derrotada e derrotista esquerda tradicional e perante o retroceso da socialdemocracia e a democracia cristiá, esta situación tan preocupante abre tamén unha solleira oportunidade para o galeguismo. Non falo do galeguismo de esquerdas ou de dereitas, nin do autonomismo nin do independentismo, senón dun galeguismo apolítico transversal coa identidade e cultura como base. Primeiro porque vencellar o galeguismo a unha única ideoloxía política é unha aposta moi arriscada e, prácticamente, condeada a morte nos anos vindeiros que xa asoman. Segundo, porque ningunha corrente de pensamento pode aflorar e gañar prosélitos cando é pesimista, e a maioría de organizacións políticas denominadas galeguistas o son, polo que urxe extirpala delas canto antes. Terceiro, nesta sociedade do rendemento e do cansazo, a identidade convértese nun proxecto interminable e a conciencia colectiva debilítase: os problemas compartidos seguen a percibirse como individuais. Unha sociedade que promete unha liberdade individual ilimitada pero que remata por ter amplos baleiros existenciais, é o limiar para substituír unha imposición individualista por unha elección identitaria. O galeguismo non é unha herdanza que se impón, senón unha comunidade que se escolle. Cuarto, nun entorno globalizado onde diferentes identidades mestúranse nun mesmo territorio (o INE estima que case un cuarto dos galegos será de orixe estranxeira en 2040), o individualismo requirirá unha fórmula que lle permita distinguir o eu do vós. Galicia ten lingua propia, tradición e modernidade cultural, memoria histórica e illamento territorial, motivos suficientes para ter un sentimento de pertenza a ela, pero non se poderá encordar este galeguismo a ningunha ideoloxía política se se quere chegar ao máximo de individuos. E  quinto, contra a sociedade do esgotamento, a única solución será o non facer produtivo, o pracer do facer por facer cultural será unha ferramenta habelenciosa indispensábel para acubillarnos da frustración. Se ben dixen que este galeguismo de prestancia, apolítico e cultural debe ser optimista, o lector pode alcumalo piñeirista se lle prace, cómpre ser realista asemade: esta crise identitaria pode levar ao galegos a outros xeitos de identificación, sen ser a galeguista necesariamente. Da mesma forma, o peso da globalización abre novos retos como a diversidade interna da sociedade, a transmisión interxeracional da cultura oral, onde a capacidade das institucións non chega,  o retroceso do galego coma lingua nai fronte ao seu uso case exclusivo en marcos culturais, a emigración dos máis culturalmente formados, a convivencia no individuo de varias identidades ao mesmo tempo, etc. A mensaxe é clara, estamos nun punto de inflexión onde o galeguismo pode sacar moito rédito, mais a inacción pode levalo ao camposanto máis cedo ca tarde. É deber de todos o auto-considerados galeguistas facer o mellor para o galeguismo, deixar atrás as desavinzas históricas e vogar xuntos nunha mesma dirección para sobrevivir ás treboadas post-ilustración que xa prognostican arestora os bafos salgados que trae o ar atlántico.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad