Da simplificación á complexidade: a nova política española

A política española camiña cara a un modelo máis fragmentado e plural, pero continúa gobernándose por unhas regras electorais pensadas para outro tempo. Mentres dereitas e esquerdas se reorganizan en bloques cada vez máis diversos, a cuestión xa non é só quen gañará as eleccións, senón se as institucións serán capaces de representar esa pluralidade sen reforzar aínda máis o poder das direccións partidarias.

 

Imaxe: Congreso dos Deputados – Selbymay / Wikimedia Commons (CC BY-SA 3.0).

 

A política española está a entrar nunha etapa de complexidade crecente. E resulta paradoxal que isto aconteza nun sistema electoral concibido, na súa orixe, para simplificar o panorama político e favorecer a estabilidade. A cuestión xa non é só quen gañará as próximas eleccións, senón como se organizarán unhas dereitas e unhas esquerdas cada vez máis plurais, e se as institucións serán capaces de representar esa diversidade sen reforzar aínda máis o poder dos aparellos partidarios.

Para entender esta contradición hai que regresar á Transición. O modelo electoral que se aplicou nas primeiras eleccións democráticas non foi unha creación persoal de Manuel Fraga, como ás veces se repite. Fraga prefería un sistema maioritario de circunscricións uninominais, semellante ao británico: un deputado por distrito, elixido nunha única volta. Un mecanismo que, na España dos setenta, tería favorecido previsiblemente os candidatos con maior implantación persoal e territorial, os notables locais. O que finalmente se adoptou foi outra cousa: representación proporcional, provincia como circunscrición e mecanismos correctores que favoreceron as candidaturas máis fortes.

A orixe deste deseño está no proceso aberto pola Lei para a Reforma Política de 1976 e concretado na normativa electoral de 1977. Non se tratou dunha decisión puramente técnica. Fernando Suárez, protagonista directo da reforma, relatou nas súas memorias as negociacións e os equilibrios políticos daqueles meses. Adolfo Suárez intuía a importancia de ocupar o espazo central do novo sistema; o PSOE aspiraba a competir como gran forza da esquerda, e Fraga confiaba en que Alianza Popular capitalizase unha parte substancial do franquismo sociolóxico. Ningún destes actores coñecía aínda o resultado da competición que estaba contribuíndo a regular.

Convén precisar, ademais, que o efecto concentrador do sistema non procede exclusivamente da fórmula D’Hondt, convertida tantas veces no chibo expiatorio. Importan moito máis a magnitude reducida de numerosas circunscricións e a asignación inicial de escanos ás provincias, que outorga maior representación relativa ás menos poboadas. Nunha boa parte de España, a proporcionalidade nominal tradúcese nunha competición moi pouco proporcional. As listas pechadas e bloqueadas completaron un modelo no que a organización partidaria adquiría unha posición predominante fronte á relación directa entre elector e representante.

Durante décadas, esa arquitectura favoreceu a simplificación. Á dereita, a experiencia da fragmentación ensinou que a unidade electoral era unha condición para disputar o goberno. Alianza Popular, que en Galicia atopara xa en 1981 un espazo decisivo de poder, percorreu un longo camiño ata a vitoria do Partido Popular en 1996. Á esquerda, o PSOE beneficiouse da súa condición de gran polo de agregación electoral, especialmente durante o felipismo. O sistema non eliminou outras forzas, nomeadamente as nacionalistas, pero consolidou unha dinámica na que dous grandes partidos concentraban a maior parte das expectativas de goberno.

O 15M alterou esa lóxica cunha impugnación que ía máis alá da alternancia entre PP e PSOE. O «non nos representan» sinalaba unha crise da representación e da confianza nas organizacións políticas. Daquela protesta xurdiron novas fórmulas partidarias que mesturaban tradicións da esquerda anterior —o PCE e Izquierda Unida— coas linguaxes e prácticas da mobilización social. Prometían recuperar a participación, ampliar as maiorías e abrir as institucións á sociedade. Velaquí unha das ironías da política recente: parte desas experiencias acabou organizada arredor de liderados moi personalizados, pequenos núcleos dirixentes e negociacións entre cúpulas.

A clasificación clásica de Maurice Duverger entre partidos de cadros e partidos de masas, e a posterior idea do partido atrápao-todo, axudan a describir a transformación, aínda que non debamos aplicar mecanicamente categorías do século XIX ao presente. Aquelas forzas que pretendían superar os partidos tradicionais amosan hoxe trazos propios dunha política de notables: o peso dunha figura pública, a capacidade de negociación dun dirixente e a supervivencia dunha sigla poden importar máis ca unha organización social extensa. Non desapareceron as bases militantes, pero a distancia entre a retórica da horizontalidade e a práctica das direccións resulta difícil de ignorar.

Na dereita está a producirse outra mudanza. Durante anos, a estratexia do PP descansou na idea de que, para gobernar, debía concentrar o voto do seu espazo e reducir o dos competidores. Agora cobra forza unha hipótese distinta: a dunha dereita que se acepta plural e que pode funcionar como un consorcio electoral e parlamentario, sen necesidade de integrarse nunha única organización. Non sería unha coalición formal, senón unha cooperación entre partidos con electorados e prioridades diferentes. A comparación coa política italiana, marcada por alianzas entre forzas diversas dentro dun mesmo bloque, resulta suxestiva, aínda que os dous sistemas electorais non sexan equivalentes.

E entre os bloques? Persiste a pregunta polo centro. O CDS de Adolfo Suárez foi, ao meu xuízo, o último intento significativo de construír un centro estatal cunha estratexia territorial propia, atento á pluralidade cultural e política de España. UPyD e Ciudadanos tiveron orixes e acentos distintos: o primeiro estivo fortemente definido pola súa oposición ao nacionalismo vasco; o segundo naceu en Cataluña como reacción ao nacionalismo catalán. Iso non invalida todas as súas propostas, pero axuda a explicar por que non reproduciron o proxecto do CDS. Democracia 21 tenta agora ocupar unha parte dese espazo, cunha implantación aínda limitada. A incógnita é se poderá transcender os asuntos que lle dan visibilidade e formular un proxecto xeral de país.

A complexidade tamén se manifesta nas esquerdas territoriais. Hai unha diferenza de fondo entre a defensa da autonomía orgánica, característica da tradición da UPG e do BNG, e as fórmulas de cooperación entre forzas soberanistas que se asocian ao debate promovido por Gabriel Rufián. No primeiro caso, a organización propia convértese nun valor político central; no segundo, ponse o acento na capacidade de sumar representación e influencia alén das fronteiras partidarias. Non é unha simple disputa de siglas: son dúas concepcións da relación entre nación, partido e representación. O contraste entre as posicións de Néstor Rego e Rufián permite observar esa tensión con particular claridade.

As novas dinámicas de bloques tampouco resolven as contradicións programáticas. O debate sobre a vivenda pode mobilizar unha parte da esquerda, pero tamén interpela os votantes socioliberais e centristas do PSOE, para os que a propiedade privada e o acceso á primeira vivenda son cuestións centrais. Á dereita, a sustentabilidade das pensións obriga a conectar demografía, emprego, cotizacións, inmigración e produtividade. Non abonda con prometer menos cargas sobre o traballo e, ao mesmo tempo, restrinxir drasticamente a entrada de traballadores sen explicar de onde procederán os recursos adicionais. Unha política pública non se sostén só con consignas: ten que cadrar tamén nas contas.

Por iso convén ser prudentes cos prognósticos. As enquisas identifican tendencias, non certifican resultados. Importará saber quen ocupa a primeira posición, pero tamén canto medran ou minguan os socios potenciais, que maiorías son posibles e como se distribúe o voto entre provincias. A competencia dentro de cada bloque pode ser tan decisiva como a competencia entre bloques. E unha maior fragmentación non significa necesariamente unha maior representación efectiva se as decisións continúan concentradas nas direccións dos partidos.

Esa é, en definitiva, a cuestión de fondo. España parece transitar da simplificación bipartidista cara a unha política de bloques internamente plurais, mentres conserva boa parte das regras pensadas para outro tempo. A pluralidade social está atopando máis siglas para expresarse; falta saber se tamén atopará máis poder para decidir. Porque a democracia non mellora automaticamente por multiplicar os partidos. Mellora cando os representantes responden ante os representados e cando as institucións son capaces de transformar a diversidade social en decisións públicas responsables.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad