Día da Patria Galega 2024

O Día da Patria Galega ensaiamos en Compostela o país polo que loitamos, normalizado, onde a nosa lingua e cultura son a norma e non a excepción; pero a patria nunca estivo nas capitais, a patria é aquilo que trascende a política e vive na alma colectiva da nación.

 

24 de xullo de 2024. Avión de Budapest a Madrid – 17:50 pm

Escribo estas liñas desde as alturas, voando de Budapest a Madrid. Hoxe é vinte e catro de xullo. O meu día favorito do ano. O día polo que agardo os 364 anteriores. Aos 15 anos, a cuadrilla de amigos comezamos a ir a Compostela desde a Boa Vila. Chegabamos pletóricos, cheos de forza. Ventase, chovese ou queimase o sol. Baixabámonos na estación coas bandeiras da patria na man. Levabámolas ao vento pola cidade. Sentiamonos ceibes, inzados e respaldados pola terra toda. Eramos revolucionarios e denunciabamos a inxustiza de que a Policía Nacional non nos deixase entrar no casco vello, fachenda de ser recoñecidos como galeguistas. Iamos á manifestación xuvenil, saïamos de festa e durmiamos no pavillón do campus. 

Aquel comezou a ser o mellor día das nosas vida porque representaba o país que cobizabamos. A nación coa que soñabamos. Onde a nosa lingua era a norma e non a excepción, e toda a rapazada ía a unha coa nosa cultura e idiosincrasia mentres os maiores asentían. Pasaban os anos pero non mudaba a ilusión do vinte e catro que tan ben retratou Gabi Dakidarría: Caía o sol e chegabamos nós, de todos os recantos, ca terra nos puños, o lume nos beizos e a brisa do mar nos pulmóns. Por Belvís, no Festigal, en todas partes riamos, soñabamos e falabamos toda a noite antes do vinte e cinco. Era máxico. 

Chegou a emigración, os miles de quilómetros. Sempre volvín, sempre. Desde Armenia, desde os Azores, desde Madrid, desde os Países Baixos, desde Alemaña, desde o Brasil e desde Suíza. Hoxe a miña grande ilusión era a mesma. Volver celebrar o día da nosa terra nai cos meus compañeiros, cos de sempre. Fixen o imposíbel, conexións estrambóticas e un periplo final de Budapest a Madrid e de alí a Compostela. Agora sei que perderei o voo por un dos tantos retrasos inxustificábeis da aeroliña e non poderei estar por primeira vez en moitos anos. De verdade que me doe no corazón. Hoxe, coa ilusión da viaxe, meu irmán díxome unha cousa que me fixo pensar fondo:

  • A patria non está en Compostela. Patria fixo a túa afillada onte conmigo recollendo plásticos na praia, salvagardando o entorno e a fauna. A patria non está nas capitais. A patria non é un colectivo dirixido desde o casoplón do chupóptero de turno. A patria é o home que traballa na Peregrina de balde limpando cunchas de vieiras e estampándolles cruces; é un rapaz de Burela na súa vespino; unha señora de Rianxo amasando empanada ou eu onte deixando marchar un polbo pequeno na punta de Cabicastro.

Pero eu hoxe desde o avión, cunha tristura inmensa de pensar en non poder estar, sei ben que a patria tamén é Julio levando o nome de Ramirás polo mundo; é Luis, que se fixo neofalante e nunca cedeu á presión social; é Xaime, vido desde Asturias para celebrar o noso día nacional; son Víctor e Juan, que a pesar de provir de familias parcialmente de fóra se converteron en galeguistas; son as miles de persoas que mañá ateigarán Compostela chegadas desde todos os lugares de Galicia; e sei ben que patria son as bágoas que esvaran logo de perder a conexión que me levaría a Compostela. 

Feliz día da Patria Galega a todos e todas. Fagamos país!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad