Nun contexto preelectoral marcado polo bloqueo lexislativo, repasamos a pirámide normativa e os datos do Congreso e do BOE desde 1999 para entender por que o Goberno lexisla cada vez máis mediante reais decretos-lei e menos a través do Parlamento.

 

Imaxe: sesión no Congreso dos Deputados.

Presidencia de la República Mexicana / Wikimedia Commons (CC BY 2.0)

 

Agora que a política está máis axitada do que nos ten acostumados. Agora que semella que —unha vez máis— temos que tomar unha decisión histórica. Agora que as eleccións están á volta de folla do calendario…

É importante analizar e ter claro como nos gobernan (ligazón externa).

Nunha sociedade democrática, igualitaria e defensora da liberdade a lei é o mecanismo básico de goberno. O texto escrito que condensa os principais acordos entre deputados e senadores, a norma aprobada tras a votación por parte dos nosos representantes na que se conteñen as regras ás que se debe someter o funcionamento do sistema.

En xeral, o Goberno (poder executivo) é o encargado de presentar os proxectos de lei segundo o artigo 88 da Constitución Española. Tamén a vontade popular e mesmo as asembleas autonómicas teñen capacidade para presentar proposicións de lei tal e como se establece nos artigos 87 e 89 do texto constitucional.

Pola súa banda, tanto o Congreso dos Deputados como o Senado (poder lexislativo) son os encargados de votar os textos, modificalos e definitivamente aprobalos para o seu referendo por parte do monarca ao abeiro dos artigos 90 e 91 da Constitución.

Pero a realidade política é algo máis complexa. Se ben as leis parecen ser causa, consecuencia e solución a todo aquilo que non termina de funcionar correctamente, tal e como ocorreu coa emerxencia sanitaria, o acceso á vivenda ou as diversas crises —mesmo tras o recente accidente ferroviario en Urda— o certo é que chegamos a esta convocatoria electoral como consecuencia da non aprobación duns xa coñecidos Decretos-Lei

Son outro tipo de normas, que forman parte dun sistema normativo de tipo xerárquico que damos en chamar «pirámide normativa»:

Neste punto, podemos comprender que iso que xeneralizamos como lei, refírese a un conxunto heteroxéneo de disposicións. Mesmo normas que, dende un punto de vista xurídico, non son leis.

Para saber como nos gobernan, debemos ter claro que as leis decídense —aproban ou rexeitan— no Parlamento, pero non se redactan alí. De feito, no caso dos decretos, que é o que nos ocupa, nin tan sequera se debaten en sede parlamentaria, pois só os ratifican. Son discutidos e emanan do Consello de Ministros.

Se acudimos aos datos, podemos amosar unha evidencia gráfica sobre como nos gobernan, como ferramenta para unha mellor comprensión e análise da nosa realidade política:

Cada vez son máis as normas que adoptan a forma de Decreto, especialmente dende o ano 2015, con algunhas conclusións evidentes:

  • Antes das eleccións aumenta a actividade lexislativa (2000, 2004, 2008, 2012, 2016, 2018, 2023 e 2026).
  • Cada vez emprégase máis a fórmula de Real Decreto-Lei para lexislar.

Por outra banda, como mencionabamos anteriormente, existen normas que non teñen rango de lei e que son froito da potestade regulamentaria da Administración, cuxa dirección corresponde ao Goberno. É o caso dos Reais Decretos, que non son leis en sentido estrito, senón unha das múltiples formas que adoptan os regulamentos aprobados polo Goberno (decisións administrativas, nomeamentos, ordes ministeriais, normas de organización interna, etc.).

Neste caso os datos tamén nos poden axudar a entender como nos gobernan:

Unha simple ollada basta para confirmar que a Lei, como mecanismo básico de goberno, se encontra nunha situación de desuso sen precedentes na nosa historia democrática. É común o emprego de termos como «bloqueo ao Goberno» ou «parálise normativa» nos que se escuda unha elaboración lexislativa centrada na utilización da fórmula de Real Decreto-Lei, que se limita aos supostos de extraordinaria e urxente necesidade —e que parece ser a situación na que vivimos constantemente na última década—.

E debemos ter claro que cando a Lei como mecanismo básico entra en crise, quizais tamén o fai a sociedade que debería rexerse por ela. Se cadra, para rematar de entender como nos gobernan deberíamos comprobar se polo menos, as normas que se aproban, sexa dunha forma ou de outra, nos axudan a entender mellor o noso sistema e a ter unha maior seguridade xurídica.

Pero esa análise deixámosvola a vostedes.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad