O Ferrado naceu en 2022 como colectivo e revista cultural impulsado pola mocidade galeguista, tanto na terra como na emigración. O seu nome deriva da medida tradicional galega cuxa capacidade varía segundo o lugar, simbolizando o espírito do proxecto: abranguer unha visión plural do galeguismo e recoller todas as voces que traballan a prol da cultura e da lingua galega.
A nosa traxectoria editorial: Un país en pensamento (2025)
Esta obra recolle unha escolma das publicacións máis destacadas dos primeiros anos da revista. Un conxunto que representa unha Galiza desde diferentes perspectivas, a través do ollo crítico das novas xeracións galeguistas. Neste traballo conviven a defensa do nacionalismo galego e a súa crítica, a complexa experiencia da mocidade na emigración e diversas olladas sobre a cultura galega contemporánea. Vinte e cinco artigos que son vinte e cinco xeitos de ver o noso país. Con prólogo inédito do historiador Antom Santos.
(Edición actualmente esgotada / Non dispoñible).
Novo libro: A pesar dos pesares (2026)
A pesar dos pesares reúne unha nova escolma de textos publicados na nosa revista, xunto con artigos inéditos que amplían e continúan ese camiño, contando nesta ocasión cun prólogo a cargo do músico Xoán X. López.
Escritos por persoas de distintos lugares de Galiza e tamén desde fóra, estas páxinas trazan un mapa diverso, vivo e en movemento. Aquí conviven a memoria e o presente, a identidade e a dúbida, a pertenza e a distancia: distintas formas de nomear o que somos sen necesidade de fixalo.
Un conxunto de voces que non busca respostas pechadas, senón seguir facendo preguntas. Porque ás veces un país non é un lugar, senón todo o que queda cando marchamos.
E a pesar dos pesares, seguimos. Seguimos escribindo. Seguimos facendo comunidade. Máis que ler.
Como adquirir o libro?
O libro ten un prezo base de 15 euros (con diferentes opcións de envío).
Se tes interese en adquirir un exemplar de A pesar dos pesares, podes contactar connosco a través do noso enderezo contacto@oferrado.gal ou ben deixarnos unha mensaxe directa nas nosas redes sociais.
Saúde e Terra!


