O Ferrrado: un país en pensamento

O Ferrado naceu en 2022 como colectivo e revista cultural impulsado pola mocidade galeguista, tanto na terra como na emigración. O seu nome deriva da medida tradicional galega cuxa capacidade varía segundo o lugar, simbolizando o espírito do proxecto: abranguer unha visión plural do galeguismo e recoller todas as voces que traballan a prol da cultura e da lingua galega.

Esta obra recolle unha escolma das publicacións máis destacadas dos primeiros anos da revista. Un conxunto que representa unha Galiza desde diferentes perspectivas, a través do ollo crítico das novas xeracións galeguistas. Neste traballo conviven a defensa do nacionalismo galego e a súa crítica, a complexa experiencia da mocidade na emigración e diversas olladas sobre a cultura galega contemporánea. Vinte e cinco artigos que son vinte e cinco xeitos de ver o noso país. Con prólogo inédito do historiador Antom Santos.

É tempo de que as novas xeracións escriban os vieiros da nosa historia, con paixón e compromiso, recollendo a testemuña dos que fixeron camiño antes que nós para dar forma á Galiza que soñamos. Con valentía, con talento e con orgullo de nación. Este libro é unha chamada a continuar a historia. Máis que ler.

O libro ten un prezo base de 12 euros con diferentes opcións de envío. Se tes interese en adquirir un exemplar, contacta connosco a través do noso enderezo contacto@oferrado.gal ou ben deixa unha mensaxe nas nosas redes sociais.

Saúde e Terra!

 

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad