Nós, os rupturistas

Galicia non será libre sen antes ser verdadeiramente galega. Cómpre un galeguismo rupturista que reverta o esvaecemento cultural e impulse unha nova arte galega.

Imaxe que ilustra o artigo: Fernando Álvarez de Sotomayor, “Estudo para Romaría” (1916). Museo de Belas Artes da Coruña.

 

Corría o 25 de xullo de 1933 cando, no número 115 da revista Nós, un artigo rezaba no seu título: “Nós, os inadaptados”. O autor anunciado non era outro que Vicente Risco. Lonxe de ser outro dos estudos, arengas ou artigos de opinión da revista, as palabras do ourensán tiñan, neste caso, un ton propio, ensaístico. Risco presentou naquel entón unha situación histórica, unha cosmovisión: un contexto inédito. Galicia tiña a posibilidade de impulsar o chamamento iniciado no Rexurdimento e constituír, dunha vez por todas, a Galicia nai e señora, xa non no eido político (que tamén), senón no eido metafísico.

Cada nación ten a súa propia metafísica (volksgeist para Hegel, espírito nacional para Montesquieu) e os galegos non somos menos. Séculos de historia secuencial e o peso dunha herdanza milenaria impuxo sobre a terra galega unha suma de factores, dun carácter e un sentir propio, co seu valor altísimo (a eternidade) e o seu sentimento diferencial (en palabras de Murguía, a saudade). Este “espírito galego” careceu sempre dunha expresión íntegra. A primeira tentativa foi o Rexurdimento, onde a épica “pondaliana” e o costumismo melancólico (que Rosalía expresara alegóricamente) tiveron o seu lugar. O Rexurdimento atopou na Galicia un contexto histórico pobre, onde a axitación e ansia patriótica non era máis que unha pequena consecuencia da frustración dos nosos literatos. Naquel entón non existía no pobo galego unha vontade activa, creadora ou subversiva contra a pasividade (en parte autoimposta) da nosa intelectualidade, cada vez máis numerosa e a cal, co tempo, abandonou o proxecto de outorgarlle a Galicia unha expresión propia do seu espírito.

A segunda tentativa de dotar o país dunha galeguidade artística e estética naceu coas Irmandades da Fala e morreu coa Xeración Nós. Todo o que vén despois non é máis que política, polarización e dogmatismo ideolóxico, ás veces barbárico e posmoderno, que fica moi lonxe de representar un afán creador puramente galego. Risco viviu o último intento de rexurdir cultural galego –iso expresa no seu artigo–. O proxecto de Risco, os irmáns Díaz Baliño e incluso de Castelao (este último partidario das correntes impresionistas aniñadas na Francia) morreu no ano 1936, cando a represión, o exilio e o silencio cómplice fixeron dun posible rexurdir galego outro dos tantos proxectos sen porto (que non esquecidos) do noso país.

Con isto, é un deber noso como galegos formular a seguinte pregunta: se a galeguidade existe en nós, por que non existe a galeguidade nas artes, na política e nas cidades? Por que o noso feito diferencial como galegos queda reducido a unha lingua en decrecemento, a unha literatura desleigada dos tempos modernos, a unha televisión secuestrada polo Estado ou ao bucólico mundo rural? O noso primeiro deber como galegos galeguistas non é outro que recoller apaixonadamente a nosa esencia e transmutala a todos os eidos perceptibles da realidade. A arte, o ocio e o mundo cultural da Galicia xa non son galegos, os galegos xa non participan del, xa non falan en galego, nin de Galicia nin da galeguísima historia. Hoxe a promoción do mundo cultural en galego non é máis que unha “incomodidade” para as institucións (tan incompetentes como desinteresadas na nosa cultura), as cales financian ano tras ano innumerables obras de teatro, concertos ou exposicións. Todos os eventos mencionados teñen algo en común: Galicia non está presente neles. A música que escoita a nosa mocidade non é creada por galegos nin en galego. Todas as nosas artes e inquedanzas académicas, estéticas, filosóficas ou ociosas foron abandonadas. Non son galegas. Hoxe a mocidade galega descoñece a orixe lendaria do seu pobo, a épica historia da nosa patria ou os tantos galegos ilustres. Entón, como pretendemos edificar unha Galicia libre, soberana e acomodada sen antes constatar que Galicia é, efectivamente, galega?

Non é posible. Temos que facer valer a voz de todos cantos coñecemos o carácter do noso pobo para expresalo en todos os ámbitos da realidade. Galicia non será libre antes de ser galega, antes de reverter o proceso de esvaecemento cultural que parasita Europa e que dilúe, con moita máis velocidade, as nacións sometidas a un estado onde a nosa vontade non é en absoluto relevante para as institucións. É preciso un galeguismo rupturista que inicie a creación desmedida dunha arte galega, dunha alternativa cultural, ociosa e virtuosa a partes iguais, que escriba en galego e que, en última instancia, recupere a nosa épica, a épica dun pobo guerreiro, non dun pobo de servos. Ese galeguismo somos nós, os rupturistas.

Hoxe, a expresión da esencia do noso país é nula. Ninguén recolleu aínda o legado dos precursores, de Pondal e Risco, de Asorey e Castelao. Esta é a situación que ten que mutar. É unha tarefa ineludible da mocidade, dos bardos do noso tempo: cómpre regaleguizar Galicia fronte á barbarie, presentar unha verdadeira batalla cultural. A beleza fronte ao grotesco, a poesía fronte ao verso libre: ao romántico galego, idealista e amante da beleza, asestando o derradeiro golpe contra a banalización da cultura e o hedonismo, un golpe certeiro, o da nosa xeración.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad